Saturday 18 de May de 2024

Amplíase ata o xoves o prazo para inscribirse na XXIII Carreira Popular Concello de Ordes


O Departamento de Deportes de Ordes amplía ata o vindeiro xoves, de 6 setembro, o prazo de inscrición para poder participar na XXIII Carreira Popular Concello de Ordes. A proba terá lugar o próximo domingo, 9 de setembro, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo.
As persoas interesadas en participar poderán apuntarse na páxina web www.carreirasgalegas.com. A inscrición para as categorías escolares será gratuíta, mentres que para as persoas participantes na proba absoluta será de 4 euros. Os equipos, clubs etc que desexen optar aos premios en metálico deberán formalizar a inscrición individual de cada compoñente, ademais de remitir un correo electrónico a FGAsantiago@gmail.com no cal se reflectirá a composición de atletas do club cos seus datos persoais.
As carreiras darán comezo ás 10 horas coas probas Sub 14 e Sub 16 (3.000 m); ás 10.30 horas baby e prebenxamín (500 m); ás 10.50 Sub 18, Sub 20, Sub 23, sénior e máster (9.500 m) e ás 11 horas Sub 10 e Sub 12 (1.000 m). Poderán participar tanto corredores e corredoras federados como non federados. Tanto a saída como a meta quedarán situadas na mesma alameda para todas as categorías.
A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría Sub 10 (mulleres e homes), así como para as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes da carreira Sub 18, Sub 20, 23, sénior e máster. Tamén se outorgará trofeo aos tres primeiros clasificados censados do Concello na proba absoluta (mulleres e homes), ao participante máis novo e ao máis veterano que logre concluír a carreira da súa categoría. Os trofeos non serán acumulativos.
O Concello de Ordes porá á disposición das persoas participantes un servizo de duchas e vestiarios. Quen finalice o percorrido tamén recibirá avituallamento líquido e unha camiseta conmemorativa do evento.
Para calquera información adicional poden poñerse en contacto co Departamento de Deportes do Concello de Ordes chamando ao 981680002, ext. 5. Tamén se poden consultar as seguintes páxinas web: www.ordes.gal, www.atletismo.gal e www.carreirasgalegas.com.
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, AvenaCao, Nocilla e froitería A Nova.